III Domingo de Pascua
San Lucas 24, 35 – 48
Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e como o recoñeceran no partir o pan.
Estando eles comentando estas cousas, presentóuselles Xesús no medio e díxolles:
‑¡A paz sexa convosco!
Sobresaltados e cheos de medo, coidaban contemplar un espírito.
Pero el díxolles:
‑¿Por que estades asustados, e a que veñen esas dúbidas? Mirade para as miñas mans e para os meus pés: sonvos eu. Palpade aquí e decatádevos de que un espírito non ten carne nin ósos, como vedes que teño eu.
E dicindo isto, mostroulles as mans e mais os pés. Pero eles, tolos de contento e sen saíren do seu asombro, non acababan de crer.
Xesús preguntoulles:
‑¿Tedes por aí algo que comer?
Déronlle un anaco de peixe asado. El colleuno e comeuno diante deles.
Logo díxolles:
‑A isto referíame eu cando, estando aínda convosco, vos dicía que conviña que se cumprise todo o que está escrito na Lei de Moisés, nos Profetas e mais nos Salmos acerca de min.
E abriu os seus entendementos para que comprendesen as Escrituras.
E engadiu:
‑Así está escrito: o Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, e predicarase no seu nome a conversión e mais o perdón dos pecados a todos os pobos, empezando por Xerusalén. Vós seredes testemuñas de todo isto. E eu heivos mandar o don prometido por meu Pai. Mentres tanto seguide na cidade, ata que se vos revista co poder que vén de arriba.