XV Domingo del Tiempo Ordinario
San Lucas 10,25-37
Ergueuse certo xurista e preguntoulle para o poñer á proba:
‑Mestre, ¿que teño que facer para herdar a vida eterna?
El respondeulle:
‑¿Que pon a Lei? ¿Que les?
Contestou:
‑Amarás o Señor teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma, toda a túa forza e con todo o teu entendemento, e o próximo coma a ti mesmo.
El díxolle:
‑Contestaches perfectamente; cúmpreo e vivirás.
Pero o xurista, querendo xustificarse, preguntoulle a Xesús:
‑¿E quen é o meu próximo?
Xesús replicou:
‑Dunha vez un home baixaba de Xerusalén a Xericó, e asaltárono uns bandidos, que, despois de o roubaren e bouraren nel, deixárono medio morto. Cadrou a baixar polo mesmo camiño un sacerdote, que, ó velo, deu un rodeo e pasou de largo. Igual fixo un clérigo, que pasaba por alí: ó chegar e velo, deu un rodeo. Pero un samaritano, que ía de camiño polo mesmo lugar, ó velo, sentiu mágoa e achegándose a el, curoulle as feridas con aceite e viño e vendoullas. Logo, montouno na súa cabalgadura, levouno a unha pousada e coidouno. O outro día colleu dous denarios, deullos ó pousadeiro, e díxolle: “Coida del, e cando volva xa che pagarei o que gastes de máis”.
‑¿Quen dos tres che parece que foi próximo do que caeu nas mans dos bandidos?
El respondeu:
‑O que practicou a misericordia con el.
Díxolle Xesús:
‑Pois ti vai e fai outro tanto.