III° Tiempo Ordinario
San Lucas 1,1-4; 4,14-21
Posto que moitos emprenderon a tarefa de narrar axeitadamente os feitos ocorridos entre nós, tal como nolos transmitiron desde o principio as testemuñas oculares e mais os predicadores da palabra, decidín eu tamén, despois de me informar con tino desde as orixes, escribirchos ordenadamente para ti, ilustre Teófilo, a fin de que coñezas ben a firmeza das ensinanzas nas que te instruíron.
Coa forza do Espírito Santo, Xesús volveu a Galilea, e a súa sona estendeuse por toda a redonda.
Ensinaba nas sinagogas, e todo o mundo dicía moito ben del.
Chegou a Nazaret, onde se criara, e o sábado entrou, como estaba afeito, na sinagoga. Ergueuse para facer a lectura, déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:
O Espírito do Señor está sobre min porque El foi quen me unxiu para proclamarlles a Boa Nova ós pobres.
Mandoume para lles anunciar a liberación ós secuestrados e a vista ós cegos,
para lles dar liberdade ós asoballados, e proclamar o ano de graza do Señor.
Pechando o libro, devolveullo ó encargado, e sentou. Todos os ollos da sinagoga enteira estaban fixos nel. Logo empezoulles a dicir:
‑Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.