V Domingo de Cuaresma
San Xoan (8,1-11)
Xesús perdoa a unha adúltera:
E Xesús saíu para o Monte das Oliveiras. Pero á alborada, presentouse outra vez no templo e toda a xente veu onda el; el sentouse e empezou a ensinar.
Os escribas e fariseos trouxéronlle unha muller sorprendida en adulterio; puxérona no medio e medio e preguntáronlle:
‑Mestre, a esta muller collérona en flagrante adulterio. Moisés, na Lei, mandounos apedrar a esta xente. ¿Ti que dis?
Preguntábanllo á mala fe para teren así de que o acusar. Pero Xesús, abaixado, escribía co dedo na terra. Como lle seguían preguntando, ergueuse e díxolles:
‑Quen de entre vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra, E, abaixándose outra vez, escribía na terra. Pero eles, ó que o escoitaron, foron liscando un a un, comezando polos máis vellos. Quedou el só coa muller, que seguía no medio.
Ergueuse entón e preguntoulle:
‑Muller ¿onde van? ¿Ninguén te condenou?
Ela respondeulle:
‑Ninguén, Señor.
Díxolle Xesús:
‑Tampouco eu non te condeno: vaite e desde agora non peques máis.