Domingo de Ramos en la Pasión del Señor
San Lucas 19,28-40 Evangelio de la Bendición de Ramos
E dito isto, botou a andar diante deles camiño de Xerusalén.
E cando se aproximaban a Betfagué e a Betania, ó pé do chamado Monte das Oliveiras, mandou dous discípulos, dicíndolles:
‑Ide á aldea que tedes aí diante, e atoparedes atado un burriño que ninguén montou aínda nunca. Soltádeo e traédeo. se alguén vos pregunta: “¿Por que o soltades?”,
respondédelle: “Precísao o Señor”.
Foron os discípulos, e atoparon todo tal como lles dixera. 33E cando ceibaron o burriño, preguntáronlles os donos:
‑¿Por que soltades o burriño?
Eles contestaron:
‑Precísao o Señor.
Levárono onda Xesús, botaron os mantos sobre o burriño e axudárono a montar. E ó pasar el, a xente estendía os mantos polo camiño. Cando se aproximaban á baixada do Monte das Oliveiras, a multitude de discípulos, cheos de alegría, comezaron a loar a Deus con grandes gritos, por tódalas marabillas que tiñan visto.
Dicían:
‑¡Benia o que vén, coma rei, no nome do Señor. Paz no ceo, e gloria no máis alto!
Algúns dos fariseos que estaban entre a xente, dixéronlle:
‑Mestre, reprende a eses teus discípulos.
Pero el respondeulles:
‑Asegúrovos que se estes calan, falarán as pedras.