III Domingo de Pascua
San Juan 21,1-19
Máis adiante aparecéuselles outra vez Xesús ós seus discípulos onda o lago de Tiberíades. Foi deste xeito: estaban xuntos Simón Pedro, Tomé o chamado Xemelgo, Natanael o de Caná de Galilea, os do Zebedeo, e mais outros dous discípulos seus.
Simón Pedro díxolles:
‑Vou pescar.
Eles contestaron:
‑Imos nós contigo tamén.
Saíron, e subiron a bordo. Pero aquela noite non colleron nada. Xusto cando acababa de romper o día, presentouse Xesús na ribeira do lago. Pero non se decataron os discípulos de que era Xesús.
Xesús preguntoulles:
‑Rapaces, ¿tedes algo que comer?
Eles responderon:
‑Non.
Díxolles entón:
‑Largade o aparello por estribor e atoparedes.
Eles largárono, e xa non podían halalo a bordo, de tanto peixe. Daquela, aquel discípulo a quen amaba Xesús díxolle a Pedro:
‑É o Señor.
Entón Simón Pedro, o escoitar que era o Señor, cinguiu o vestido ‑pois estaba espido‑ e botouse ó mar. Os outros discípulos chegaron no bote, porque non estaban lonxe de terra senón a menos de cen metros, remolcando o aparello cos peixes. Cando vararon en terra, viron que había unhas brasas cun peixe enriba, e mais pan.
Xesús díxolles:
‑Traede peixes dos que acabades de coller.
Simón Pedro subiu ó bote e arrastrou para terra o aparello cheo de cento cincuenta e tres peixes grandes; e, con seren tantos, non rachou o aparello.
Xesús díxolles:
‑Vinde comer.
Ningún dos seus discípulos se atrevía a preguntarlle -ti quen es-, sabedores de que era o Señor. Foi Xesús, colleu o pan e déullelo, e igualmente o peixe.
Esta foi a terceira vez que Xesús se manifestou ós seus discípulos resucitado de entre os mortos.
Cando xa comeran, preguntoulle Xesús a Simón Pedro:
‑Simón de Xoán ¿ámasme máis ca estes?
El contestoulle:
‑Si, Señor, ti sabes que te quero.
Xesús díxolle:
‑Apacenta os meus años.
E de novo preguntoulle por segunda vez:
‑Simón de Xoán, ¿ámasme?
El respondeulle:
‑Si, Señor, ti sabes que te quero.
Xesús díxolle:
‑Apacenta as miñas ovellas.
E preguntoulle por terceira vez:
‑Simón de Xoán, ¿quéresme?
Entristeceuse Pedro de que lle preguntase por terceira vez “¿quéresme?”, e respondeulle:
‑Señor, ti sábelo todo, ti ben sabes que te quero.
Xesús díxolle:
‑Apacenta as miñas ovellas. Con toda verdade cho aseguro: cando eras novo vestíaste ti e ías onde querías; cando te fagas vello, estenderás as túas mans, e vestirate outro e levarate onde non queres.
Dixo isto para significar con que clase de morte había de dar gloria a Deus. E despois engadiu:
‑Sígueme.