XIV Domingo del Tiempo Ordinario
San Lucas 10,1-12.17-20
Despois disto designou o Señor a outros setenta e dous, e mandounos de dous en dous por diante del a tódalas vilas e aldeas onde tiña pensado ir.
Díxolles:
‑A anada évos ben boa, pero os xornaleiros son poucos; así que rogádelle ó dono da colleita que mande xornaleiros á súa ceifa.
Ide e sabede que vos mando coma años entre lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, nin vos paredes a parolar con ninguén polo camiño. Cando entredes nunha casa, antes de máis nada dicide: “Paz a esta casa”. E se alí hai xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco. Permanecede na mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que o obreiro ten dereito ó seu xornal. Non andedes dunha casa para outra. Cando entredes nunha vila e vos acollan, comede do que vos poñan, curade os enfermos que haxa e dicídelles: “Xa chega a vós o Reino de Deus”. Pero cando non vos acollan na vila na que entredes, saíde ás prazas dicindo: Non queremos levar da vosa vila nin o po que se nos pegou ós pés. Aí vos queda.
Pero sabede que xa chega o Reino de Deus. 12Asegúrovos que o Día do Xuízo será máis livián para Sodoma do que para aquela vila.
Entón volveron os setenta e dous moi contentos dicindo:
‑Señor, aínda os demos tamén se nos someten no teu nome.
El replicou:
‑Eu vía a Satán caendo do ceo coma un raio. 19Porque vos dei poder para pisardes cobras e mais alacráns e poder sobre toda forza inimiga, e nada vos fará mal. 20Con todo, non vos alegredes de que os espíritos se vos sometan: alegrádevos, máis ben, de que os vosos nomes estean escritos no ceo.