IV Domingo de Cuaresma «Laetare»
San Lucas (15, 1-3.11-32)
Tamén os publicanos e pecadores se achegaban a el para o escoitaren. Por iso os fariseos e letrados murmuraban:
‑Este acolle os pecadores e come con eles.
E dixo tamén:
‑Un home tiña dous fillos. O máis novo díxolle ó pai: “Papá, dáme a parte da herdanza que me corresponde”. El repartiulles os seus bens. Días despois, este fillo recibiu todo xunto e marchou para un país remoto, onde malgastou a súa fortuna vivindo coma un perdido.
Despois de o gastar todo, houbo unha gran fame naquela terra, e empezou a pasar necesidade. Entón, acudindo a un natural do país, entrou a servir, e mandouno a unha granxa a coidar os porcos. Alí chegou a ter gana de encher o estómago coas landras que comían os porcos, pero ninguén llas daba.
Recapacitando, pensou: “¡Hai que ver! Cantos xornaleiros do meu pai teñen pan a fartar, e eu morro coa fame. Si, vou volver á de meu pai e voulle dicir: Papá, pequei contra o ceo e contra ti; xa non son digno de que me trates coma un fillo, trátame coma un xornaleiro”.
Levantouse e volveu onda seu pai. Aínda estaba lonxe cando este, enxergándoo, saíu emocionado a recibilo, e botándoselle nos brazos, bicouno agarimosamente. O fillo exclamou: “Papá, pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates coma un fillo”.
Pero o pai díxolles ós seus criados: “Axiña, sacade a túnica mellor e vestídella; poñédelle un anel na man e calzado nos pés. Preparade un cuxo cebado para comelo e facer unha gran festa. Porque este fillo meu estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo”. E empezou a festa.
Pero resulta que o fillo máis vello estaba na leira e cando viña para casa, oíu a música e mais o baile. Chamou por un criado e preguntoulle que pasaba. O criado contestoulle: “Éche que volveu teu irmán, e teu pai mandou matar o cuxo cebado por recuperalo san e salvo”. Entón alporizouse moito, e non quería entrar.
Pero o pai, saíndo, intentouno convencer. El díxolle: “Tantos anos como levo servíndote sen che faltar nunca en nada, e nunca un cabrito me deches para troulear cos meus amigos; e agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con mulleres de mala vida, e matas o cuxo cebado”.
O pai contestoulle: “Meu fillo, ti sempre estás comigo e todo o meu é teu, ¿que menos que celebrar unha festa cheos de alegría, xa que ese teu irmán estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo?”.