XXI Domingo del Tiempo Ordinario
San Juan 6, 60 – 69
Cando tal oíron, moitos dos seus discípulos dixeron:
‑¡Que dura é esta doutrina! ¿Quen pode admitir tal cousa?
Comprendendo Xesús que os seus discípulos murmuraban do asunto, díxolles:
‑¿Escandalízavos iso? ¿E logo se vísedes o Fillo do Home subindo a onde estaba antes? O espírito é quen dá vida, a carne non vale para nada; as palabras que eu vos falei, son espírito e son vida. E, aínda así, hai algúns de vós que non cren.
Pois ben sabía Xesús desde o principio quen eran os que non crían e mais quen o había de entregar.
E proseguiu:
‑Por iso téñovos dito que ninguén pode vir a min, se non llo concede o Pai.
Desde aquela moitos dos seus discípulos botáronse para atrás, e xa non andaban con el. Preguntoulles entón Xesús ós Doce:
‑¿Vós tamén vos queredes ir?
Respondeulle Simón Pedro:
‑Señor, ¿e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna, e nós cremos e recoñecemos que ti es o Santo de Deus.