II Domingo de Adviento
San Lucas 3, 1-6
No ano quince do reinado do emperador Tiberio César, sendo Poncio Pilato gobernador de Xudea e Herodes tetrarca de Galilea; sendo Filipo, o seu irmán, tetrarca de Iturea e mais da Traconítide, e Lisanias, tetrarca de Abilene: durante o pontificado de Anás e Caifás, chegoulle a Palabra de Deus a Xoán, fillo de Zacarías, no deserto. Entón el percorreu toda a rexión do Xordán, pregoando un bautismo de conversión, para acadar o perdón dos pecados, conforme está escrito no libro do profeta Isaías:
Unha voz chama no deserto:
Preparade os camiños do Señor,
reparade os seus vieiros.
Todo barranco se cubrirá
todo monte e outeiro se rebaixará,
os camiños tortos hanse endereitar
e os fragosos hanse achanzar.
E todos verán a salvación de Deus.