XI Domingo del Tiempo Ordinario
San Marcos 4, 26-34
E dixo tamén:
Así é o Reino de Deus: coma un home que bota a semente na terra, e, durma ou estea esperto, sexa de noite ou de día, a semente agroma e medra, sen que el chegue a saber como. A terra vai dando froito por si mesma: primeiro herba, logo espigas, e por último o gran ben abundante na espiga. E cando xa está achegado o froito, de seguida se lle mete o fouciño por ser o tempo da seitura.
E tamén dicía:
¿Con que compararemos o Reino de Deus? É coma o gran de mostaza, que cando se sementa na terra é a máis miúda de todas as sementes. Pero despois de sementala, medra ata ser a maior de todas as hortalizas, chegando a botar unhas pólas tan grandes que na súa sombra poden vir aniñar os paxaros.
E así con moitas comparanzas coma estas, íalles mostrando a mensaxe, de xeito que puidesen entender. Non lles falaba máis que en parábolas, pero logo explicáballelas ós seus discípulos.